luns, 7 de xuño de 2021

QUE NON CHE CONTEN CONTOS! GRAN TRABALLO DE ALFABETIZACIÓN INFORMACIONAL

Somos unha xeración á que nos tocou vivir na chamada “Era da información”. As redes sociais forman parte das nosas vidas e non queremos renunciar a elas. Gústanos estar en contacto coas nosas amizades, coñecer xente nova, ver vídeos de gatiños ou coreografías feitas en calquera recuncho do noso planeta e non perdernos ningún fenómeno viral.







Porén, tamén sabemos que recibimos demasiada información e non poucas veces nos custa discernir aquilo que é verdadeiro do que non o é. Precisamente nestes tempos de pandemia vimos como a información enganosa pode afectar gravemente á nosa saúde. As chamadas “fake news” gañaron un protagonismo insólito deixándonos moi indefensos en algo tan importante como o coidado das nosas vidas.

Por todo isto, as alumnas e alumnos de 2ºESO da materia de Promoción de hábitos de vida saudable levamos varios meses a traballar neste proxecto que agora vos presentamos.

QUE NON CHE CONTEN CONTOS pretende chamar a atención de todos e todas as que conformamos o IES de Brión para algo fundamental: a nosa saúde tamén depende dunha información veraz e contrastada.

Para iso, fixemos un auténtico traballo de investigación xornalística. Mergullámonos na rede para seleccionar as informacións máis viralizadas sobre a COVID-19, redactamos textos e locutámolos na radio coa inestimable axuda do Equipo da Biblioteca. Por se fora pouco, tamén aprendemos a editar os nosos propios audios locutados e fixemos os cartaces que aquí vos expoñemos.

Agardamos que todo este traballo sexa de proveito non só para nós senón para todo o IES de Brión.

Podes escoitar todas as fake news premendo aquí




Ningún comentario:

Publicar un comentario