luns, 21 de xuño de 2021

Escolas sen racismo en Radio emBRIÓN

 
Neste curso tivemos unha fantástica experiencia de aprendizaxe coa nosa radio: o alumnado de 1ºD tivo a sorte de contar cun obradoiro de radio para traballar contra todo aquelo que non nos gusta: o machismo, o racismo, as desigualdades...
 

Contamos con experiencia e o saber facer de Rocío Cadahía que nos guiou para que esta fora unha magnífica experiencia. Moitas grazas!
 

Queremos repetila o próximo curso!



Podes ver e escoitar o resultado deste traballo premendo aquí. Moitos parabéns a este alumnado e profesorado tan implicado!


E non deixedes de escoitar a nosa Radio emBRION



domingo, 13 de xuño de 2021

NARRATIVAS DIXITAIS PARA MELLORAR O MUNDO

Este curso, a Biblioteca propúxolle ao grupo de 2ºESO C  traballar no proxecto Epdlab promovido por AGARESO no que utilizando narrativas dixitais coñeceron e reflexionaron sobre temas que nos tocan a todas e todos: sexismo, publicidade, desigualdades... e aprenderon algunhas formas para mellorar o mundo que temos. 

Moitos parabéns ao alumnado de 2ºESOC, á súa titora Tania e a AGARESO por esta proposta tan enriquecedora

Aquí vai unha mostra do que fixeron:

ESTAMOS "CONECTADAS"!

 Sabedes que estamos CONECTADAS!?? 

    Seguro que xa coñecedes o gran proxecto creado polo alumnado de 2º de Bacharelato nas materias de TIC II e Tradución para a participación na 5ª edición de Wisibilízalas cos obxectivos de dar visibilidade a mulleres do noso entorno, promocionar ámbitos STEAM e o traballo en grupo a través das TIC.

    Rompendo estereotipos e visibilizando referentes femininos, das que no noso instituto estamos orgullosxs de ter unhas cantas, a que si? Podes coñecelas na magnífica web que fixeron CONECTADAS

mércores, 9 de xuño de 2021

RECOMENDACIÓNS LECTORAS: LIBROS CON ORGULLO

 Para este xuño e este fin de curso onde xa se sinte o verán, decidimos dedicar as nosas recomendacións lectoras ao mes do orgullo LGTBI: poesía, cómic, narrativa... para todos os gustos e todas as idades, para normalizar, aprender, respectar, coñecer e que cadaquén se sinta libre de expresarse como é. 





 

LECTURAS EN IGUALDADE: "SENLLEIRAS" DE ANTÍA YÁÑEZ

 Desta volta é Eva quen nos recomenda unha lectura na nosa sección de "Lecturas en igualdade":

"Senlleiras" de Antía Yáñez


"Que agocha o perfecto e branquisimo sorriso dunha influencer?

Descúbreo nesta novela que nos achega á vida de varias mulleres coincidentes no lugar pero non no tempo e que, malia as diferenzas que as separan permanecen unidas por un forte lazo:a vontade de ser donas das suas propias vidas.

A escritora mariñá Antía Yánez tráenos este relato de historias cruzadas que nos fai reflectir, entre outras moitas cousas, en como o fin da violencia machista non é unha cuestión de tempo. Porque a historia non a escrebe o mero paso dos anos, escribímola todos e todas nós cos nosos actos"

martes, 8 de xuño de 2021

NARRATIVAS DIXITAIS: GRAN EXPERIENCIA CON EPDLAB

 Ao longo do curso vimos desenvolvendo co bo facer e mediación de AGARESO, un proxecto para sensibilizar sobre distintas problemáticas: igualdade, consumo, desigualdades sociais e territoriais, fake news, etc, onde se aprenden a utilizar novas ferramentas dixitais. 

Demos conta das distintas actividades nas contas de instagram e twitter e agora tamén tedes unha pequena exposición na biblioteca onde se mostran algúns exemplos do traballo realizado. 

Parabéns ao grupo de 2º C pola implicación e os resultados!





luns, 7 de xuño de 2021

QUE NON CHE CONTEN CONTOS! GRAN TRABALLO DE ALFABETIZACIÓN INFORMACIONAL

Somos unha xeración á que nos tocou vivir na chamada “Era da información”. As redes sociais forman parte das nosas vidas e non queremos renunciar a elas. Gústanos estar en contacto coas nosas amizades, coñecer xente nova, ver vídeos de gatiños ou coreografías feitas en calquera recuncho do noso planeta e non perdernos ningún fenómeno viral.







Porén, tamén sabemos que recibimos demasiada información e non poucas veces nos custa discernir aquilo que é verdadeiro do que non o é. Precisamente nestes tempos de pandemia vimos como a información enganosa pode afectar gravemente á nosa saúde. As chamadas “fake news” gañaron un protagonismo insólito deixándonos moi indefensos en algo tan importante como o coidado das nosas vidas.

Por todo isto, as alumnas e alumnos de 2ºESO da materia de Promoción de hábitos de vida saudable levamos varios meses a traballar neste proxecto que agora vos presentamos.

QUE NON CHE CONTEN CONTOS pretende chamar a atención de todos e todas as que conformamos o IES de Brión para algo fundamental: a nosa saúde tamén depende dunha información veraz e contrastada.

Para iso, fixemos un auténtico traballo de investigación xornalística. Mergullámonos na rede para seleccionar as informacións máis viralizadas sobre a COVID-19, redactamos textos e locutámolos na radio coa inestimable axuda do Equipo da Biblioteca. Por se fora pouco, tamén aprendemos a editar os nosos propios audios locutados e fixemos os cartaces que aquí vos expoñemos.

Agardamos que todo este traballo sexa de proveito non só para nós senón para todo o IES de Brión.

Podes escoitar todas as fake news premendo aquí




EXPOSICIÓN INSTRUMENTOS MUSICAIS ARTESANAIS

 


O alumnado de música de 2º da ESO mostra este mes as suas creacións de instrumentos musicais artesanais na entrada do centro. 
En cada instrumento atoparedes unha ficha con información sobre o instrumento: nome, materiais utilizados e autoría. Un gran traballo!