venres, 20 de decembro de 2019

BOAS VACACIÓNS E BOAS LECTURAS!

O equipo da Biblioteca deséxavos boas vacacións e boas lecturas para comezar o ano!

Vémonos na biblio no ano 2020!

ÁRBORES DE NADAL


Xa a piques de comezar as vacacións, non podemos deixar de mostrarvos a nosa decoración de nadal con dous exemplos fantásticos, un realizado co material de expurgación e decorado con luces que podedes ver na entrada do centro...

....E esta fantástica árbore de fractais elaborada por Sandra que podedes ver na nosa biblioteca

COFFEE BREAK IN THE LIBRARY




Comezamos este mes cun encontro semanal para practicar o noso inglés:

"COFFEE BREAK IN THE LIBRARY"

 Están tan concurridos os encontros que se te retrasas, quedas sen sitio!


Grazas á colaboración de Dylan, o noso axudante de conversa, podemos practicar o noso inglés nunha conversa distendida todos os mércores no segundo recreo na biblioteca. 



RECOMENDACIÓN DE LECTURAS EN IGUALDADE

Desta volta é Leire quen nos fai a recomendación de lectura:
"Elisa e Marcela. 
Amigas e amantes" 
de Narciso de Gabriel


"Marcela e Elisa, unha historia...do século XXI? Podería parecer, pero xa a comezos do século XX moitas persoas reivindicaban os seus dereitos, algúns deles aínda non acadados na actualidade. Marcela e Elisa son dúas mulleres galegas cuxa historia (real) nos parece moi próxima a nós, xa que representan esa loita (ás veces escondida e considerada tabú) de dúas mulleres lesbianas, namoradas e que tiveron que afrontar numerosos obstáculos. Amor, violencia, xustiza, loita... Marcela e Elisa reivindicaron coas súas vidas, sen sabelo, a vida de moitas persoas da súa e da nosa xeración. 
Totalmente recomendable!"

BRIGADA FEMINISTA

Sabedes que xa tedes un lugar onde compartir, reflexionar e actuar sobre igualdade?  Temos un grupo ao que te podes unir: a nosa Brigada Feminista! 
Segue a súa actividade no blog:

Brigada feminista




 Sabes que tamén temos unha selección de lecturas na biblioteca que de seguro poden enriquecer as reflexións que fagamos sobre este tema?
Vén visitarnos e fai a túa escolla!

domingo, 15 de decembro de 2019

As nosas recomendacións lectoras

Antes de que comecen as vacacións bótalle un ollo a estas recomendacións e pasa pola biblioteca para levar as túas lecturas preferidas para estas vacacións... tamén podes aproveitar para agasallar ou pedir como agasallo... visita a túa libraría local e agasalla libros!

un libro... o mellor agasallo [Tamaño original] por Nine

Os nosos booktubers de Librionesxs seguen comentando lecturas

Os nosos booktubers seguen en acción! 
Desta volta para comentarnos a lectura do libro "Un monstro vén a verme" de Patrick Ness. 
Xa sabedes que podedes atopar este libro na biblioteca e sumarvos ao Club que se reúne os martes ao mediodía

domingo, 1 de decembro de 2019

NOVA SECCIÓN: LECTURAS EN IGUALDADE

Estreamos unha nova sección "Lecturas en igualdade" na que iremos recomendando libros que podes atopar na biblioteca e que nos poden enriquecer sobre este tema. 
Desta volta é Esther quen nos presenta e recomenda "Feminismo para principiantes" de Nuria Varela
8 de marzo de 2017, miles de mulleres de todas as idades enchen as rúas para denunciar  as múltiples opresións que sufren por ser mulleres e vivir nunha sociedade machista.  A palabra feminismo aparece na portada dos xornais, abre os informativos e repítese constantemente nas redes sociais. O feminismo está, polo menos aparentemente, de moda e é lóxico que  provoque o interese en moitas rapazas novas.  A elas, aínda que non exclusivamente, vai dirixido o libro de Nuria Varela Feminismo para principiantes, un manual de iniciación que de xeito claro e sinxelo facilita un primeiro achegamento ao feminismo. 
Provocar a confusión sobre o pensamento feminista mal utilizando conceptos ou facendo falsas atribucións é unha das estratexias para controlalo. O feminismo resulta  incómodo pois este movemento pretende non só cambiar a sociedade senón tamén desfacer os seus cimentos para  poder  construir unha nova, libre de inxustiza. 
As mulleres levamos séculos loitando pola nosa libertade e sabemos que temos que seguir facéndoo. Libros como o de Nuria Varela facilitan a incorporación de novas mulleres ao feminismo e dese xeito a revolución das mulleres continúe.