domingo, 1 de decembro de 2019

NOVA SECCIÓN: LECTURAS EN IGUALDADE

Estreamos unha nova sección "Lecturas en igualdade" na que iremos recomendando libros que podes atopar na biblioteca e que nos poden enriquecer sobre este tema. 
Desta volta é Esther quen nos presenta e recomenda "Feminismo para principiantes" de Nuria Varela
8 de marzo de 2017, miles de mulleres de todas as idades enchen as rúas para denunciar  as múltiples opresións que sufren por ser mulleres e vivir nunha sociedade machista.  A palabra feminismo aparece na portada dos xornais, abre os informativos e repítese constantemente nas redes sociais. O feminismo está, polo menos aparentemente, de moda e é lóxico que  provoque o interese en moitas rapazas novas.  A elas, aínda que non exclusivamente, vai dirixido o libro de Nuria Varela Feminismo para principiantes, un manual de iniciación que de xeito claro e sinxelo facilita un primeiro achegamento ao feminismo. 
Provocar a confusión sobre o pensamento feminista mal utilizando conceptos ou facendo falsas atribucións é unha das estratexias para controlalo. O feminismo resulta  incómodo pois este movemento pretende non só cambiar a sociedade senón tamén desfacer os seus cimentos para  poder  construir unha nova, libre de inxustiza. 
As mulleres levamos séculos loitando pola nosa libertade e sabemos que temos que seguir facéndoo. Libros como o de Nuria Varela facilitan a incorporación de novas mulleres ao feminismo e dese xeito a revolución das mulleres continúe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario